Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Marzo 2026.

CCOO celebra a II Asemblea de Sectores Feminizados e Precarizados: «Non pedimos privilexios, esiximos salarios xustos, dereitos e respecto»

    Preto de 400 persoas asisten a un acto no que traballadoras destes sectores expoñen a discriminación que sofren: «Coidar é un piar social e quen sosteñen ese piar merecen dignidade»

    04/03/2026.
    Temas
    Foto de grupo das traballadoras que interviron na asemblea.

    Foto de grupo das traballadoras que interviron na asemblea.

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia celebrou este mércores a súa II Asemblea de Sectores Feminizados e Precarizados, un encontro ao que asistiron 400 persoas e que serviu para reivindicar o papel esencial das mulleres na economía e na sociedade e para denunciar a discriminación que aínda sofren en material laboral, tanto nos salarios coma na parcialidade das xornadas ou nas enfermidades profesionais. «Non pedimos privilexios, esiximos salarios xustos, dereitos e respecto», resumiu a secretaria xeral, Amelia Pérez.

    No acto, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, interviñeron varias traballadoras deses sectores precarios nos que, non por casualidade, a maioría dos cadros están moi feminizados. Sandra, que traballa nun supermercado, incidiu na alta porcentaxe de parcialidade que sofren, superior ao 50 %, ao que cómpre sumar as reducións por coidados. Todo iso redunda nunha maior precariedade, que contrasta coa maior presenza de homes conforme ascende a escala xerárquica. «Os donos das empresas vivirán coma galegos, as súas traballadoras sobrevivimos», salientou.

    Sobre o sector da atención sociosanitaria deu o seu testemuño Iria, que remarcou a estrutural falta de persoal nas residencias. Puxo o exemplo da súa residencia, onde cada xerocultora ten entre 10-15 minutos para levantar e preparar a cada persoa usuaria ou unha soa cociñeira que en ocasións debe afrontar a preparación de menús para 21 tipos de dieta. «A falta de recursos non só afecta ás traballadoras, senón á calidade de vida das persoas usuarias», incidiu, e lembrou que a maioría de salarios apenas pasan do SMI. «Coidar é un piar social e quen sosteñen ese piar merecen dignidade», concluíu.

    Puri, da limpeza de edificios e locais, aproveitou a súa quenda para denunciar que «dous señores», nun sector cunha elevadísima feminización, acaban de asinar un convenio «pésimo», en alusión ao acordo de CIG e UGT coa patronal do sector na Coruña. Criticou que nese pacto se eliminara a xubilación especial aos 64 anos e non se incluísen medidas que viñan reclamando en materia salarial e de xornada: «Demostraron que non comprenden un sector maioritariamente feminizado nin as necesidades das mulleres que o formamos».

    En representación das traballadoras dos elaborados do mar falou Elena, que expresou o fastío dunhas mulleres que, en condicións precarias, sosteñen coas súas mans unha industria que xera millóns. «Somos as que soportamos a humidade, o frío, os ritmos acelerados e seguimos a ser invisibles», alertou, e incidiu na prevalencia de enfermidades profesionais que logo as mutuas rexeitan recoñecer de maneira sistemática. Chamou a se organizar e loitar xuntas por unhas condicións xustas e lembrou que sen a súas mans non hai produción. «A dignidade nin se conxela, nin se enlata», clamou.

    Tamén tomou a palabra Vanesa, traballadora dunha escola infantil, que non gardería, segundo recalcou: «Non gardamos, educamos». Denunciou as longas xornadas que padecen, máis prolongadas ca noutras etapas do ensino, moitas veces con horas extra non remuneradas para preparar as actividades necesarias para o desenvolvementos das criaturas. E todo por salarios que, de novo, case non superan o SMI, o que as converte en «traballadoras pobres». «Somos un sector desvalorizado pola sociedade, parece que por sermos mulleres vai en nós coidar e o traballamos case gratis», protestou.

    Participación no 8M

    A asemblea foi introducida e presentada pola secretaria de Mulleres, Políticas de Igualdade e LGTBIQA+ de CCOO de Galicia, María Barcia, que incidiu en que corrixir as desigualdades e as discriminacións en cada en empresa é o obxectivo do sindicato, nun traballo conxunto cos homes. «Querémolos ao noso carón, empurrando e loitando, nin detrás nin diante», recalcou. Aproveitou tamén para pedir unha participación masiva no 8M, un chamamento no que coincidiu a súa homóloga confederal, Carolina Vidal, que aproveitou o seu discurso para reclamar a toda a xente das Comisións Obreiras que dispute ese relato que fala da implantación da ultradereita entre a mocidade. «Non é verdade, a xente nova loita e vai saír ás rúas o domingo a demostralo», aseverou.

    Pechou o acto a secretaria xeral de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, que mostrou o seu orgullo polo traballo das compañeiras que tomaron a palabra durante a asemblea, un encontro que se comprometeu a celebrar todos os anos. Pérez reivindicou o exercicio de sororidade e apoderamento que fan as mulleres das Comisións Obreiras e defendeu un sindicalismo feminista como imprescindible para acadar unha sociedade máis xusta.

    «Sempre nos quixeron caladas e invisibles, o noso poder é o que os aterra. Cando unimos as nosas voces o estrondo é tan grande que os acaba asustando», esgrimiu a secretaria xeral, que reclamou traballar pola igualdade os 365 días do ano, non só unha data sinalada nin só con palabras. Amelia Pérez tamén chamou a transformar en loita o esgotamento que sofren tantas mulleres —obrigadas a dobres xornadas laborais na casa e nos centros de traballo—. «Non estamos soas nin illadas, estamos tecendo unha rede de aceiro. Se tocan a unha, tócannos a todas, e se unha alza a voz, alzámola o resto tamén», salientou.